Agardo que esteas listo ou lista para a aventura sonora que che teño preparada porque esta vai ser unha viaxe no espazo e no tempo. Imos percorrer Panxea, esa masa xigante de terra emerxida, á que hoxe separan mares e océanos. E imos facelo a través da música, en concreto dos instrumentos e a cultura das civilizacións que lles deron vida.
Axúdanme a contarcho dous xenios. Dous mestres da recuperación deses son esquecidos:
- O multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro.
- O compositor e investigador arxentino, Alejandro Iglesias Rossi, director da Orquesta de Instrumentos Autóctonos y Nuevas Tecnologías da Universidade Nacional Tres de Febrero da Arxentina.
Hai moitos xeitos de viaxar e coñecer outras realidades, e non todas implican movemento. Por exemplo; cando abrimos o álbum familiar somos capaces de transportarnos a ese momento a través da memoria, cando vemos un documental, unha película ou lemos un libro somos capaces moitas veces de revivir parte das emocións que viviron os seus protagonistas de primeira man. Cando escoitamos esa canción especial, tamén. Iso é o que imos tentar neste episodio.
Acompáñasme?
Escóitao na túa aplicación favorita:
De onde sae isto?
Unha das miñas primeiras reportaxes, cando menos unha das que lembro con máis cariño e que volve cada certo tempo as miñas mans, ten moito que ver con Abraham Cupeiro. El presentaba un disco que falaba de son esquecidos cos que poñerlle banda sonora ao pasado. Ademais, reconstruira unha peculiar trompeta celta, o Karnyx. Nunca esquecín aquel nome! Podes ler aquel texto aquí. Dende entón, sigo de preto a súa traxectoria e o seu último traballo discográfico – Pangea – pareceume que conectaba á perfección co espírito de Viaxantas.
Á Orquesta de Instrumentos y Nuevas Tecnologías vina por primeira vez nun concerto de Carlos Núñez en Bos Aires e foi todo un descubrimento. Unha explosión de enerxía e ritmo para os sentiros. Co seu espectáculo misturaban á perfección a tradición galega cos ritmos e ritos ancentrais de América Latina. As súas máscaras, os instrumentos curiosísimos e unha posta en escea chamánica, con máis de 30 persoas sobre as taboas, pareceume brutal. Tamén a moitos dos que estaban no concerto a xulgar pola cantidade de teléfonos móbiles gravando. Unhas semanas despois convidáronme a coñecelo seu obradoiro e desa conversa sairon dúas reportaxes que podes LER e VER premendo sobre o link.
Os dous son proxectos únicos, pero verás que teñen moitas cousas en común. Ademais, deixan claro que no seu traballo hai moito máis que un proxecto musical, cultural e educativo, porque cada acción é política.
Dalle unha escoita e xulga por ti mesm@.