Sabucedo en 360

Como xa puideches imaxinar polo título, este episodio non vai sobre o Nadal, malia que estemos a piques de rematalo ano e todo sexan luces e panxoliñas. Desta voute levar a unha parroquia galega que cada mes de xullo protagoniza portadas en medio mundo, aínda que durante o resto do ano pouco ou nada saibamos dela. Porque en Sabucedo o traballo continúa paseniño os 365 días do ano para preservar non só unha das tradicións senlleiras de Galicia, declarada de interese turístico internacional, senón un ecosistema único no mundo.

Benvidos a unha Rapa das Bestas en 360º.

AnchorApple PodcastsBreakerGoogle PodcastsPocketCastsRadio PubliciVooxSpotifyYouTube

Esta vai ser unha viaxe en 360 porque imos falar de moito máis ca da festa que hai detrás da Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada, Pontevedra). Imos sobrevoar unha lenda que marca o carácter da veciñanza, escoitaremos sobre o valor do traballo en equipo e da defensa do rural, de fixar poboación nestas terras e da preservación do monte. Ademais, os nosos convidados contarannos sobre a beleza e os desafíos de conservar a estes cabalos salvaxes no mundo de hoxe.

Queremos coñecer Sabucedo máis alá da súa fin de semana grande. Xa que esta parroquia de 30 habitantes entre semana ten a moitos fillos e fillas emigados noutras vilas e cidades que, cada venres, volven á aldea para coidar deste legado ancestral.

Sobre todo isto falamos con algúns deles no episodio 17 de Viaxantas:

  1. Paulo Vicente Monteagudo, Presidente da Asociación Rapa das Bestas e aloitador.
  2. Maruxa Obelleiro, veterinaria e integrante da asociación.
  3. Iván Sanmartín, avogado da asociación.
  4. Henrique Bazal, aloitador, expresidente da asociación e actual secretario.
  5. E Javi Brea, aloitador.