San Telmo

Apetéceche seguilos pasos dunha ruta migrante doutro tempo? Ese é o obxectivo deste episodio no que nos achegamos a un dos barrios máis bohemios de Suramérica. Volvemos ao meu querido Bos Aires, pero desta para descubrir a cara máis galega do centro histórico porteño: San Telmo. Un paseo no que me acompañan Andrés da Pedra – o guía gaiteiro – e Diego Martínez Duro – presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina-.

AnchorApple PodcastsBreakerGoogle PodcastsPocketCastsRadio PubliciVooxSpotifyYouTube

Falamos de La Boca, de reliquias que cruzan océanos, do Camiño Branco a Compostela, de política galega na diáspora e cultura, moita cultura.

Así comeza a historia

A miña historia de “amor” con San Telmo comezou alá polo 2015 cando, dun día para outro, crucei o Atlántico para traballar como correspondente na Arxentina. Nese barrio vivín durante un ano e formei as miñas primeiras impresións e amizades no país austral, por iso este episodio vai máis alá do turístico. San Telmo foi un fogar para min e tamén para milleiros de migrantes galegos que se asentaron case por inercia nestas rúas da zona vella de Bos Aires que aínda conservan moitos vestixios desa época. E digo por inercia porque como conta Andrés da Pedra, San Telmo e La Boca, eran naquel tempo dúas das portas de entrada á cidade. A razón principal é que moi preto de alí estaba o antigo porto de Bos Aires ao que chegaron entre 1860 e 1930 uns seis millóns de europeos (maioritariamente italianos e españois). É o que eles chaman a “gran inmigración”. Se vos interesa o tema podedes ler máis neste documento creado para escolas con motivo do Bicentenario arxentino.

Cal é o percorrido?

Comezaremos o noso paseo polo antigo porto de Bos Aires en La Boca e pasearemos por Caminito, un dos lugares máis icónicos e turísticos da capital arxentina. Iso si, ímolo percorrer cos ollos dos que baixaron dos barcos e co mesmo agarimo que sentía por este lugar o pintor Benito Quinquela Martín.

“Cada vez que partín levei comigo a imaxe do meu barrio, que fun amosando e deixando nas cidades do mundo. Fun así coma un viaxeiro que viaxaba co seu barrio ás costas. Ou coma esas árbores transplantadas que só dan froito se levan nas súas raíces a terra na que naceron e medraron”.

Benito Quinquela Martín

Avanzaremos despois ata o Parque Lezama, onde podemos atopar un cruceiro erixido sobre terra das catro provincias galegas. E non desestimedes este dato cargado de simbolismo, porque son moitos os paisanos residentes en Bos Aires que conservan na súa casa un pequeno cofre -a modo de tesouro- con esta materia traída nalgunha das súas viaxes á Galicia territorial. Chamádelle morriña, mais cando non sabes cando vas poder volver, hai feitos que cobran outra dimensión.

Tamén pasaremos por unha das casas da galeguidade porteña: A Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina. Coñeceremos a súa historia, o papel que xogaron na política galega e arxentina, pero tamén a labor que levan adiante dende o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) para preservar a nosa memoria colectiva na capital riopratense.