Os “días tolos” é o nome que recibe a semana grande dun dos entroidos máis populares de Europa, o carnaval de Colonia (Alemaña). Unha celebración que comeza EN NOVEMBRO, á que cheguei sen querer e na que atopei algunha que outra semellanza con Galicia que che conto neste episodio de Viaxantas. Xa o número 20!
Falaremos un pouco de historia, de tradicións e da faciana máis moderna desta cidade con 2000 anos, pero tamén da súa maxestuosa catedral, da tumba dos Reis Magos, do protagonismo do apóstolo Santiago nesta rexión ou das orixes da famosa auga de Colonia. Apúntaste a esta viaxe sonora?
Os meus imprescindibles en Colonia
- Catedral de Colonia.
- Paseo circular polo Rin, cruzando a ponte Hohenzollern e volvendo pola ponte Deutzer.
- Visitar o Centro de Documentación sobre o Nacionalsocialismo da cidade de Colonia.
- Paseo polo centro histórico.
- Casa do Concello de Colonia.
- Probar a cervexa local: Kölsch.
- Entroido de Colonia (se che coincide nesas datas).
A cousa foi así
Esta foi unha desas viaxes improvisadas despois dunha semana MOI intensa no que a traballo se refire. Desas nas que precisas respirar e mudar de escenario, cando menos por unhas horas. Se estivera en Galicia seguramente me chegaría con un paseo polo Xirimbao, polo monte ou pola praia, pero a falta do comodín da terra, optei por escapar. Metín catro cousas nunha mochila e collín o tren que me levaría directa a Colonia.
Xa había tempo que lle tiña ganas a esta cidade que está a só dúas horas de Bruxelas. Un destino próximo, ideal para unha fin de semana, fermosa e con un par de atractivos culturais notables.
Escoitara falar varias veces do seu entroido e do mercado de Nadal como boas opcións para visitala, pero sinceramente desta non caera. Cando me subo ao tren e vexo que vai cheo e con xente disfrazada; é dicir, vestida co típico pixama do Primark…empezo a atar cabos.
Foi chegar á estación central de Colonia e despexar todas as dúbidas: música, moita xente e disfraces do máis curioso. Que mellor ca desconectar meténdote de cheo nos días tolos de Colonia? Pois así foi.
A importancia desta celebración para a vila é tal que a chaman a quinta estación e comeza oficialmente en novembro. Máis concretamente o 11 de novembro ás 11.11 da mañá. Aínda así, a semana grande concéntrase nos sete días que preceden ó inicio da Coresma. Esos son para eles “os días tolos”.
Un entroido que está moi ligado á historia da cidade, límite histórico entre o imperio romano e os pobos xermánicos. Gregos e romanos celebraban as súas festas da primavera, e os do norte despedían aos demos do inverno tamén por estas datas. Desa mesturanza naceu a súa festa máis internacional. Mais non foi ata o século XIX cando un comité organizador (de alemáns, recalco esta parte), se fixo cargo de darlle a forma que coñecemos hoxe en día.
Nomes dos que falamos polo miúdo no podcast:
- Weiberfastnacht: No xoves de entroido as mulleres son as protagonistas. Van disfrazadas todo o día e cunhas tesoiras na man listas para lle cortar a gravata a tódolos homes que se lles cruce polo medio.
- A Kölsch: a única lingua que ademais se pode beber.
- O venres é o día dos superviventes.
- O sábado é o día grande do entroido. A xente queda dende ben cedo para beber e a festa prolóngase ata o infinito e máis alá.
- Rosenmontag, ou luns de rosas: É o desfile de entroido máis importante de Alemaña, con horas e horas de comparsas, música e festa. Ademais, dende as carrozas lánzanche caramelos e estas flores que lles dan nome á celebración.
- A queima do Nubble: unha especie de home de palla, presente durante todo o entroido en bares e comercios, a quen lle botan as culpas de tódolos pecados cometidos durante estas festas.
Máis ca entroido
Aínda que unha boa parte deste episodio llo adicamos ao carnaval, o certo é que Colonia ten moito máis que ofrecer. Só para comezar, conta cunha das xoias mundiais da arquitectura gótica: a Catedral de Colonia.
Un edificio que resistiu aos bombardeos da II Guerra Mundial – non se sabe se (como din os crentes) foi grazas a que Deus puxo as súas mans sobre as torres do templo para protexela, ou porque o inimigo a utilizaba como punto de referencia para lanzar os seus ataques-. O caso é que resistiu e hoxe é Patrimonio Mundial, con algunha que outra chamada de atención da UNESCO, tamén é certo. Cos seus 157 metros de altura foi durante un tempo o edificio máis alto do mundo. Unha distancia en vertical que podes experimentar previo pago duns 6 euros por persoa. A recompensa a este esforzo (considerable se non estás en forma) é unha vista panorámica da cidade en 360. Eu non diría que é o mellor punto panorámico de Colonia, pero… xulga ti.
Se non queres que o teu neno interior sufra un micro-infarto, evita este parágrafo!
Unha catedral con tal maxestuosidade só podía custodiar no seu interior algo especial. Aquí repousan os restos dos tres Reis Magos de Oriente nun impresionante relicario de ouro e pedras preciosas que podes visitar sen custe. Ao redor de seis millóns de persoas pasan cada ano pola Catedral só para visitalos.
Que máis ofrece Colonia?
Pois ten un centro comercial a ceo aberto longuísimo ao que lle podes sacar partido se che gustan as compras. A oferta de museos que ofrece a cidade é moi ampla. Eu quedaría co centro de documentación do Nacionalsocialismo, un dos máis importantes do país; pero tamén tes o Romano-Xermánico aos pés da Catedral, o museo de arte moderno Ludwig, o museo do chocolate ou a Casa Farina, creadora da auga de Colonia orixinal.
Xa sabes, non esquezas escoitar o episodio 20 de Viaxantas con máis detalles sobre esta cidade. E se che gusta, comparte e axúdanos a chegar a máis xente ou apoia este falangullo AQUÍ.