A ruta dos Muiños do Folón e do Picón foi un dos meus grandes descubrimentos dos últimos meses. Un lugar que favorece a actividade ao aire libre e que ten de todo: historia, tradición, deporte, natureza e unhas vistas de postal sobre o Miño: albiscando o perfil da fronteira portuguesa e co Monte de Santa Trega sobresaíndo coma un guieiro nos días despexados.

No episodio 21 de Viaxantas quero teletransportarte ata este lugar tan especial a través do son. E para facelo, acompáñanme os fundadores da web Galicia Hiking, o alacantino Eugenio Plaza e a croata Marina Sokol. Con eles analizaremos o nivel de dificultade desta ruta de sendeirismo homologada, tomaremos nota dalgúns consellos e sorpresas que agocha este destino e tamén escoitaremos que pensa de Galicia esta parella de sendeiristas.

Ademais, o ciclista rosaleiro retirado Serafín Martínez amosaranos outro xeito de vivir a experiencia dos Muíños do Folón e do Picón, a través do deporte. El é un dos impulsores do Trail do Folón que cada mes de marzo atrae a centos de persoas cara esta localidade pontevedresa.

AnchorApple PodcastsBreakerGoogle PodcastsPocketCastsRadio PubliciVooxSpotifyYouTube

Debes saber sobre esta ruta:

  • Distancia: 3.5 kilómetros
  • Dificultade: Media
  • Duración: 2 hora (súmalle as paradas para fotos)

⚠️ Se te achegas ata aquí polas vistas, bótalle un ollo ao tempo antes.

Debes pensar nesta ruta coma unha escaleira. Dá igual por onde comeces, primeiro subes e despois baixas. O único que cambia entre comezar pola esquerda ou dereita é a intensidade da subida.

Préstalle atención aos carteis informativos porque pagan a pena. Cóntanche a historia do lugar de xeito breve e chamarán a túa atención sobre as cousas que non debes perder en cada tramo do percorrido.

A historia

Unha das razóns polas que me encantan este tipo de rutas é que combinan a actividade ao aire libre con coñecer un pouco máis da nosa etnografía. E iso, para xente que se pasa a maior parte da xornada no interior dalgún edificio (coma min), é un plus.

Os Muíños do Folón e do Picón datan do século XVII e XVII e son únicos en Europa. A característica que os fai tan especiais é que están construidos en vertical, como se dunha fervenza de pedra se tratase. Deste xeito aproveitan a forza da caída da auga para moer.

Esta é posiblemente a imaxe máis coñecida dos muíños.

Pertence a unha destas famosas “carreiras”, que non son outra cousa que unha agrupación de muiños encadeados.

O camiño en si é un agasallo. Está cheo de sorpresas, non só pola fauna e flora que verás na contorna, senón polas múltiples inscripcións que atoparás nas portas ou pedras ao redor das construccións. Algúns revelaranche a data do muíño, outros son referencias aos propietarios ou símbolos de protección contra o mal de ollo.

Eu vin algún que outro lagarto e unha besta do monte coa súa cría, que parecían estar moi cómodas coa presenza de visitantes porque nin se moveron.

A importancia destes animais queda patente no exterior dos muíños, que aínda conservan as pías nas que bebían os cabalos que axudaban a transportar a fariña.

O último muiñeiro do Folón

Se tes sorte, mentres fas a ruta poderás coñecer a Nemesio Castro. El é memoria viva do Rosal e o último muiñeiro en activo do lugar. O muíño da súa familia segue a moer, aínda que sexa so para uso persoal. No podcast cóntoche un poco máis da súa historia e tamén algúnha que outra curiosidade. Sabías que había unhas pedras de moer para pobres e outras para ricos?

De tódolos xeitos, o Concello do Rosal recolleu a historia de Nemesio nesta páxina WEB. Non deixes de ver o pequeno documental que lle fixeron ou de ler as súas vivenzas en primeira persoa.

O Baixo Miño sempre te sorprende

Esta zona de Galicia ten moito que ofrecer. Aquí algunhas recomendacións para que pescudes cando organices a túa viaxe.

As mellores vistas do Miño están:

  • Miradoiro do Niño do Corvo
  • Ermida e sobreiras da Madalena
  • Miradoiro da Cruz da Portela: un auténtico balcón ao Atlántico.
  • Sendeiro dos Pescadores

Achégate á historia do lugar:

  • Petróglifos de Ghorghalado
  • Sepulcros antropomorfos de San Vicente de Marzán

Proba o famoso albariño do Rosal.

Ti que engadirías a esta listaxe? Cóntame.