Praga é unha das cidades máis fermosas de Europa. Seguramente tes no maxín a imaxe icónica da ponte de Carlos IV, que une o Castelo de Praga coa cidade vella, ou a armonía de pontes que adornan o río Moldava dende calquera punto panorámico.

Mais na cidade das cen torres e as mil puntas tamén hai espazo para o deconstructivismo da casa danzante e as obras do artista checo David Černý espalladas por tódolos barrios. Aquí os pratos calóricos e a cervexa de fluir lento teñen todo o sentido.

No episodio 25 de Viaxantas falaremos deses contrastes, da pegada dunha historia recente especialmente turbulenta e de todo o que fai á capital da República Checa tan atractiva para os visitantes.

SPOILER: É barata, moi fácil de visitar e ten infinitos atractivos para todos os gustos.

Vanesa Noya, unha galega que xa leva 8 anos vivindo en Praga, ponnos en contexto como se dunha guía profesional se tratase e lévanos por circuitos alternativos no corazón das terras de Bohemia.

AnchorApple PodcastsBreakerGoogle PodcastsPocketCastsRadio PubliciVooxSpotifyYouTube

Neste episodio:

Contámosche a lenda fundacional de Praga.

Percorremos a cidade vella.

Desciframos o reloxo astronómico.

Visitarmos o Barrio Xudeu e o seu peculiar cemiterio.

Falamos do gran engano de Terezín.

E moito máis.

A cidade soñada

Conta a lenda que Praga foi primeiro soñada por unha princesa eslava chamada Libuše. Ela veu como á beira do río Moldava as árbores se transformaban en torres picudas rematadas en ouro, catedrais e grandes pazos. 

“Vin unha cidade cuxa gloria e grandeza chegará ás estrelas”.

Libuše.

Os celtas bautizárona como Bohemia, no medioevo era coñecida como a cidade dourada, pero o certo é que Praga é – aínda hoxe – unha fermosa postal chea de vida.