Xa fai máis dun ano que comezou o meu “teletraballo”. Hai un ano que rematou a rutina diaria de acudir a unha oficina, de falar cos compañeiros cara a cara, de comer ou tomar un café con colegas, e teño sentimentos encontrados. Quen nolo ía dicir? A nós, a sociedade máis libre da historia, empuxados ao confinamento, ao traballo dende o fogar (no mellor dos casos) e a ver limitadas as nosas opcións de saír ó supermercado, aos parques ou a tomar algo. Xa vai un ano e a min ségueme a parecer incríble.

Incrible porque se mo dis hai 5 anos diríache que estás “zumbad@”. Incrible porque só falta que che prohiban algo para que o desexes con máis forzas. Incrible porque, no camiño, este condenado virus levou por diante demasiadas vidas. E o peor é que parece que nos acostumamos.

Eu xa me acostumei a traballar dende a casa. De feito, cando teño que ir é toda unha aventura.

Xa me acostumei a que o meu día non vaia máis aló de espertar, traballar, comer e volver descansar. Sen ningunha actividade que sazone un pouco esa monotonía, máis que algún plan online, un lectura inspiradora ou algunha videochamada que te reconecte co mundo.

Nese contexto naceu Viaxantas. Para facer fronte ao encerro, mesmo seguindo encerrada. Para poder volver a falar de lugares e manxares sen que a frustación de non saber cando será posible outra vez, converta ese pensamento en malhumor. Para conectar con xente coas mesmas inquedanzas, gustos e ilusións dun xeito diferente.

E ti, cal foi esa aventura que iniciaches grazas ou por culpa da pandemia?

Cóntame! Porque xa se sabe, mal de moitos…