Hai lugares que son especiais, ben polas súas xentes, polas historias que agochan ou polas experiencias que vivimos neles.
No episodio catro de Viaxantas vouvos levar a unha cidade especial para min porque combina eses tres elementos, pero tamén algún máis.
Bos Aires é esa cidade que lle deu os últimos trazos á miña madurez en construcción, transformou o meu xeito de viaxar e deulle novos significados a palabras como amizade, compromiso e familia.
Vivir non é o mesmo que visitar
Vivir non é o mesmo que visitar, e eu en Bos Aires vivín catro anos coma unha arxentina máis. Vivina primeiro con ollos estranxeiros, os primeiros meses, sorprendéndome de moitas cousas a pesares de tantas outras semellanzas. Pero vivina como unha porteña máis segundo avanzaba o tempo: gozando das súas librarías abertas ata a medianoite, dos longos paseos pola Costanera Sur ou a Feira de San Telmo, das súas músicas e xentes, dos mates compartidos, e do ritmo das súas protestas.
A quinta provincia galega
Entendina tamén como a Quinta Provincia galega máis aló da literatura, grazas aos numerosos centros e asociacións que, da man de galegos de primeira, segunda ou terceira xeración, fan unha labor marabillosa do outro lado do Atlántico para difundir a nosa cultura, o noso folclore e costumes, pero tamén como un motor solidario ou un punto de contención para recén chegados, como o fun eu nun momento.
Neses centros, entre galegos ou arxentinos namorados de Galicia, entendín a miña terra nai como nunca antes o fixera. E aprendín deles cousas que na Galicia territorial nunca pensara, nunca analizara, nunca vira e que agora aprecio doutra maneira.
Catro anos dan para moito, xa vedes!
Dan para pasar por campañas electorais, cambios políticos, algunha que outra crise económica ou traxedias nacionais como a do ARA San Juan ou os continuos asasinatos machistas que sufre o país.
En Bos Aires fixen amigos que son familia, e reconectei con familia coa que nunca antes falara e que hoxe son parte fundamental do meu día a día.
Por todo iso, Bos Aires, coma Galicia, ten que ter un protagonismo especial neste podcast. Imposible contar 4 anos nun episodio, por iso me vou acompañar de amigos para que me axuden a achegarvos esta cidade única dende diferentes prismas.
Para este episodio 4 de Viaxantas contarei con Jose Lemur, outro galego dos que non chegou a Bos Aires en barco pero que nutren a comunidade galega do país austral. Falamos de morriña, da colectividade galega, de lugares que nos namoraron da cidade, de distancias e moito máis.
Dalle unha escoita.
[…] Maio é o mes por excelencia das nosas letras e da nosa lingua, o galego, aínda que honralas, querelas e utilizalas debemos facelo os 365 días do ano. Por iso, no episodio 9 de Viaxantas quero sacar ámbalas dúas da súa zona de confort e ver cómo latexa, cómo medra e se expanden nun continente histórico para os galegos, América. […]
[…] los cuatro años que viví en Buenos Aires lo vi a menudo. Boca o River, Racing o Independiente, Huracán o San Lorenzo. Son solo algunas de […]