Despois deste parón estival de Viaxantas Podcast só podo dicir: GRAZAS!
Grazas por estar do outro lado deste proxecto escoitando, compartindo a vosa opinión, espallando cada episodio para que chegue a máis e máis xente.
A primeira tempada de Viaxantas só me deu satisfacción persoais. Como digo sempre, esta foi a miña terapia contra o confinamento, un xeito de escapar da rutina e saír a pasear da man de lembranzas e amigos. Pero tamén foi unha motivación para descubrir novos destinos, falar con persoas que saben moito deses lugares e repasar algunhas das fotografías que andaban perdidas nalgún disco duro á espera dunha ollada furtiva.
Viaxantas abriume a posibilidade de unir dúas das miñas paixóns: as viaxes e o xornalismo. Naceu sen máis pretensións que pasalo ben creando contido en galego. Que estas bitácoras sonoras vos interesen, que suban as escoitas semana a semana, e formar parte dunha comunidade coma Podgalego son extras, premios que fun gañando co pasar dos días.
E agora, que?
Imos por máis. O traballo mantenme algo atada estes días, pero prometo volver en outubro con máis forza e novos destinos. Este domingo farei un Instagram Live para contarvos un pouco máis. Mentres, convídovos a escoitar os episodios pendentes (se vos quedou algún), a que fagades as vosas propias recomendacións ou nos etiquetedes nas imaxes das vosas viaxes.
Viaxantas é máis que un podcast. É unha comunidade e quero que te sintas así, como parte de algo máis grande. Se tes suxerencias, xa sabes, son toda oídos.