
Grazas, grazas e grazas. Viaxantas vai camiño do ano e medio e non podo estar máis feliz. Cando puxen en marcha este proxecto só pensaba en pasalo ben rememorando algunhas das viaxes que máis gocei nos últimos anos. Hoxe, Viaxantas é unha pequena comunidade grazas a tódalas persoas que, episodio a episodio, escoitades este falangullo.
Nos primeiros 365 días do podcast logramos pór en marcha a maquinaria, a estrutura de todo o que conleva a creación de contido en formato audio: pensar a idea, preparar os contidos (produción, locución e edición), configurar as plataformas de distribución e darlle difusión para que chegue a persoas cos mesmos gustos e inquietudes. Pouco a pouco logramos crear a nosa casa común – www.viaxantas.gal – e ir medrando e tecendo comunidade nas redes sociais.
Neste segundo ano veño con azos renovados para seguir compartindo contigo as miñas experiencias ao redor do mundo. Con destinos próximos que namoran a medio mundo e aqueles máis afastados que tiven a sorte de visitar. Compartindo micrófono con aqueles viaxeiros que queiran acompañarme nesta aventura sonora, ou cos protagonistas do lugar, que para min son sagrados.
Viaxantas lánzase á monetización
Así é, neste segundo ano Viaxantas lánzase á andaina da monetización co obxectivo de seguir mellorando técnicamente e facer medrar este falangullo.

Como funciona isto?
Pois dun xeito tan sinxelo como sacar o teu teléfono e pagarlle un café (ou os que queiras) a Viaxantas. Paréceme que esta fórmula casa moi ben coa esencia do podcast: sentar e compartir unha boa conversa, unha boa historia entre amigos.
Se che gusta o que facemos en Viaxantas e queres pór o teu grao de area para que siga medrando podes facelo en “Buy me a coffee”. Trátase dunha plataforma de doazóns e subscripcións que vai dende un euro, ata o que che apeteza colaborar.
O diñeiro recadado destinarase a:
- Manter o dominio e servidor de Viaxantas.gal.
- Mellorar o equipo técnico co que facemos o podcast.
- Seguir creando contido en galego.
A transparencia é importante para min. Por iso, cada vez que xuntemos algo de diñeiro neste peto virtual notificaremos a tódalas persoas que colaboraron. Queremos que saibas en que o investimos.
Grazas!
Apoies como apoies este podcast de viaxes en galego (escoitándonos, compartindo o noso contido nas túas redes sociais, recomendándonos a algún amigo ou convidándonos a un café), GRAZAS!
Escoita Viaxantas en Ivoox, Spotify, Anchor, Google e Apple podcast. Tamén na nosa web e en Podgalego.