Puglia - Polignano a mare

Por fin volve Viaxantas, este espazo de encontro para corremundos con ganas de compartir historias e destinos.

No episodio 16 estreamos tempada, a segunda xa, e percorremos un lugar con postas de sol capaces de emocionar ata ao teu amigo máis toxo. Imos coñecer o sur da “bella Italia”, en concreto a rexión italiana de Puglia e as súas xentes, que para aqueles que non se sitúen vén a ser o tacón da bota que todos debuxabamos á perfección de cativos. Unha zona con moitísimos encantos e onde os turistas somos simples espectadores duns costumes que, afortunadamente, non mudaron co tempo.

Convídote a coñecer a colorida Bari Vecchia, a fermosa Polignano a Mare e as súas praias pedregosas bañadas polo Adriático, pero tamén os trulli de Alberobello ou a Grotte di Castellana nunha expedición para aventureiros sen medo a quedar perdidos polo camiño. Unha viaxe en solitario con banda sonora propia, grazas a Domenico Madugno e o seu mítico VOOO-LA-REE.

AnchorApple PodcastsBreakerGoogle PodcastsPocketCastsRadio PubliciVooxSpotifyYouTube

Se che gusta, subscríbete, comenta ou recomenda este falangullo en galego. Axúdanos a chegar a máis xente. Estamos en FacebookInstagram, Twitter e Telegram.


Así comeza a historia

Este é un paseo que che entrará polos ollos e polo estómago e que, coma os mellores plans, xurdiu case sen pensar. Fun no mes de xullo do 2021, xusto despois de recibir a ansiada vacina contra a COVID-19 e con demasiadas ganas de saír: saír da casa, da zona de confort, de sentir un pouco de normalidade, e de sol…moito sol.

Un golpe de sorte co calendario fixo que se me xuntaran un par de festivos, unha fin de semana e un par de días libres. A mistura perfecta para buscar un destino de última hora e facelas maletas sen pensalo moito. Non pedía moito, calor, praia e que non fose moi caro. Ninguén no meu entorno tiña tantos días ou xa estaban de vacacións, así que collín un buscador de vóos, cliquei sobre a pestana de “só vóos directos” e busquei a opción máis barata para as datas que tiña. E voilá, Puglia.

Podemos dicir que eu non escollín Puglia, senón que o destino escolleu por min. O paso seguinte foi curiosear un pouco sobre o lugar, falar cun par de amigas italianas e ver que me recomendaban. Non o pensei moito. Esa mesma noite xa tiña as pasaxes, os lugares nos que pasar a noite e unha listaxe de sitios que non quería perder.

O mellor destas decisión un pouco aloucadas de último minuto é que non tes que agardar moito para gozalas. En nada xa estaba no aeroporto de Bari-Palesse grazas a un vóo madrugador e subida nun tren en dirección ao centro da cidade. Nada máis aterrar: un golpe de calor abafante. Agradecíase algo de vitamina D despois dun veran chuvioso e sen sol en Bruxelas (a norma por aquí arriba, para que nos imos enganar).

As cores da Bari Vecchia

Vestida con roupa e calzado cómodo e cunha boa dose de protector solar saín a percorrer as rúas do corazón de Bari. A contorna da estación non ten un encanto especial, son só edificios, tendas, algo de escuridade e xente na rúa pola noite, pero a medida que me achegaba ao centro, á Bari Vecchia íame sorprendendo.

Un café, unha tosta e un zume de laranxa na Piazza del Ferrarese e a coller forzas para camiñar. Esta é a praza de entrada á cidade vella e un lugar de encontro para a xuventude local. Dende alí unha morea de rúas labirínticas cheas de encanto, onde se misturan os restaurantes e tendas de agasallos, coas casas familiares.

Se abrelos brazos de par en par case podes abarcalo ancho das calellas da Bari Vecchia. É un lugar especial. Unha cidade que manten as portas das casas abertas, as comidas no medio da rúa, os cativos xogando e a roupa tendida sen pudor, decorando uns balcóns xa de por sí cheos de flores, de cor e de vida. Ese é parte do encanto deste casco vello que aínda pertence aos seus habitantes, e onde a comunidade gaña a uns turistas que somos simples admiradores do seu día a día. Podes ver as bandeiras italianas colgadas de balcón a balcón, nas bandas e coloridas pancatas que case te obrigan a sacar o móbil do peto para retratar esa alegría coa que te reciben no barrio.

É un paseo para facer sen presas porque en cada volta descubres algo novo, como por exemplo: as mulleres preparando os famosos « orecchiette », esa pasta tradicional que amasan na porta da casa ao fresco, cunha característica forma que define o polgar da artesá e que se secan ao sol.

Cales son os atractivos turísticos?

Pois ten uns cantos. A min que me gusta ir coñecendo os lugares ao ritmo da súa historia case vou comezar pola «muralla barese» que rodea a cidade vella. Unha camiñata con vistas únicas ao paseo marítimo. As súas pedras sentiron o cerco de piratas e turcos ao longo do tempo.

A primera parada subindo dende a Piazza Ferrarese é o Fortín de San Antonio, onde hoxe se celebran bodas e demais eventos arroupados pola brisa do mar.

En todo o percorrido hai templos recuperados, algunha construción romana e vivendas nobiliarias. E ata fai uns anos, mesmo unha capela na que os pescadores pedían protección ao mar e boa pesca. Nalgún punto darás tamén cunha das iconas de Bari: o castelo normando suevo do século XII, aínda que a guerra bizantina o fixo desaparecer e o que observamos hoxe é o que quedou da súa posterior restauración.

A Basílica de San Nicolás

A seguinte parada é ben curiosa, porque a Basílica de San Nicolás é un templo do século XI chea sempre de peregrinos ortodoxos que se achegan a honrar ao santo. A maioría son rusos ortodoxos, un país con algunha que outra historia na cidade, pero xa chegaremos aí. A igrexa non chama a atención dende o exterior, pero agocha un teito de madeira dourado que impresiona. A cripta na que se atopan os restos do santo está adornada con capiteis totalmente diferentes uns dos outros, pero ten outra particularidade, conta con dous altares:

  • Un adicado ao culto católico
  • E outro ao ortodoxo.

Cuestión de fe

Podo dar fe desa devoción dos peregrinos que chegan ata o santo. Cando eu a visitei, había un home coa súa familia, el vestido coa roupa tradicional ortodoxa, de negro e coa cabeza cuberta, que se abrazaba con moito fervor ás columnas da cripta e bicaba as reixas que protexía as reliquias. Algo impactante mesmo para alguén que se criou a un paso da Catedral de Santiago, onde seguro tamén se teñen vivido esceas de devoción deste tipo.

O papel dos rusos é tan imporante que mesmo a estatua do santo que hai fronte á basílica foi un regalo de Putin. Ao redor de San Nicolás hai moitas lendas: din que é un santo moi milagreiro que lle presta especial atención aos cativos e as mozas casadeiras, pero xa que se achega o Nadal, hai quen pensa que na súa figura se inspira a tradición que nós coñecemos como Papá Noel e que en moitos outros lugares de Europa lle leva regalos aos cativos na noite do 6 de decembro. Vaite ti saber!

A Catedral de San Sabino

Pero en Bari hai outro gran templo a poucos metros: A Catedral de San Sabino, que foi reconstruida varias veces e para min é máis fermosa. Este tempo agocha varias curiosidades, por exemplo:

  • O seu rosetón foi roubado e a súa recuperación e digna de novela.
  • Ten unha réplica exacta do rosetón no chan do templo, en pedra, e hai pouco tempo o sacristán descubriu que se o miras á hora correcta, a luz do sol debuxa a súa réplica exacta no chan xemelgo.

Ademais, un dos integrantes dunha asociación local que fai visitas polo casco vello – Scopri Bari Vecchia se chama- contoume que o desta catedral é un dos casos máis claros de borrado da historia. O seu interior estaba cheo de murais que foron tapados e hoxe só quedan unhas poucas mostras recuperadas.

Se descendes a unha planta subterránea podes ver claramente as bases da antiga catedral e murais que falan da sacralidade do divino e do terrenal mentres enxalzan a importancia deste tempo. Na actualidade, este espazo tan peculiar funcione ás veces como galería de arte.

A Bari Vecchia só dorme a sesta

As motos e os patinetes eléctricos van e veñen por estas rúas do centro de Bari, un lugar que só durme a sesta, cando a calor apreta e camiñar non é unha opción segura. Eu optei por un paseo refrescante polo seu paseo marítimo – o Lungomare se chama -. Que marabilla de lugar. Se che gusta escribir ou pintar, ese é un bo lugar para atoparte coas musas. Un paseo kilométrico e cheo de bancos para admirar as vistas. Aí comecei a idear este episodio de Viaxantas, nun café chamado « La biglietteria » que parecía convidarte a sacar entrada para o espectáculo que estabas a piques de admirar.

Hai máis para ver: o teatro Petruzzelli ao que non entrei, pero din que ten moi boa acústica; as rúas máis comerciais ou o arco da Marabilla, que agocha unha lenda parecida á de Romeo e Xulieta, aínda que cun final menos tráxico.

Para comer ? Pescado rico, as orecchiette e, por suposto, a foccacia da panadaría Fiori (no corazón da Bari Vecchia con esa masa riquísima, con tomate,por exemplo, e ese aceite de oliva delicioso).

Alberobello, o pobo dos “trulli”

Ben, despois de encher un pouco o bandullo e descansar. O seguinte imprescindible a vistar na miña lista era Alberobello e os seus fermosos trulli.

Se non tes coche, podes ir nun autobús marabilloso (nótese a ironía) que tes, TES CON MAIÚSCULA E MOITOS SIGNOS DE EXCLAMACIÓN, que reservar antes. A alternativa é unha pelexa de galos por un asento no quiosco fronte á parada. E pódevos saír ben, como a min, polos pelos…. ou podes quedar en terra.

Porque sí, o dos autobuses en Bari funciona igual que os que van pasando polas diferentes parroquias galegas, onde o lugar exacto da parada vai da man da sabedoría popular e o que parece unha parada non ten porque selo.

O percorrido ata Alberobello é de algo máis dunha hora. Unha localidade cuxas casas parecen sacadas dun conto de fadas e que, por suposto, está declarada como Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Cal é a súa peculiaridade? Son construcións feitas con lousas de pedra seca, sen ningún tipo de cemento, e cos tellados en forma de cono, con paredes anchas e o chan directamente sobre a pedra. O exterior, encalado na parte baixa, tellados coa pedra escura á vista e adornados con diferentes símbolos – uns cristiáns, outros pagáns – que pretendía escorrentar a mala sorte. A imaxe en conxunto é de película.

A verdade é que os trulli, estas edificacións, non son só propias de Alberobello, pero sí que é aquí onde atopamos os mellores conservados e tamén o volume: máis de 1500.

A picaresca italiana

Aquí vivían os traballadores agrícolas da zona ou pequenos terratenentes. Pero ollo, porque a historia dos trulli é ben pícara e ten bastante que ver coa evasión de impostos.

Resulta que o conde destas terras cedérallas aos campesiños para que as traballasen, polo que a zona medrou moi rápido e creáronse pequenos núcleos de poboación. Cando o rei de Nápoles proclamou alá polo século XV que tódalas novas urbes debían pagar impostos á coroa, os trulli convertéronse no mellor xeito de esquivar ao recadador real xa que se podían desmontar nunha soa noite. Pasado o perigo, volvían coller a forma orixinal coa mesma facilidade. Eran listos ou non era listos estes italianos?

Pero volvamos ao século XXI. Hoxe hai dúas zonas de referencia para visitar este lugar. Unha máis tranquila, con hoteis e onde viven aínda familias (chámase Rione Aia Piccola), e onde está o centro turístico (Rione Monti).

No primeiro atopamos o Trullo Sovrano, o máis grande e o único que ten dous pisos. Hoxe é unha casa-museo na que podes entender mellor como vivían e que facían. Ten mesmo un xardín no que realizan actividades e unhas vistas moi interesante dende o segundo andar.

A vista máis espectacular da cidade está dende Belvedere Santa Lucía, un miradoiro dende o que podes decatarte das dimensións deste poboado de trullis. Baixamos por unhas escaleiras que teñen gravadas en tinta estrofas adicadas á cidade e agora si, xa estás dentro. Cada tenda, cada restaurante que atopas é un trulli. En moitos dos quioscos mesmo che deixan subir ao tellado (previa compra, obviamente) para que vexas a cidade dende outro punto de vista.

É unha visita para un día que podes completar con algunha que outra cousa. Ese era o meu plan, eu quería ir despois a coñecer a Grotte di Castellana.

A Grotte di Castellana

Trátase dun marabilloso percorrido por covas de case 3 kilómetros e medio e 122 metros baixo terra que se comezaron a formar hai máis de 90 millóns de anos.

Nada máis entrar á furna xa notas o cambio de temperatura (dos 29 ou 30 que podía haber no exterior a uns 16 fácilmente). A primeira parada está conectada ao exterior por un ollo de luz, pero será o único que vexas en todo o percorrido no que escoitarás caer algunha que outra gota de auga e pasos, moitos pasos que siguen a lanterna da guía.

É un paseo moi interesante, para cativos e maiores, xa que cada caverna ten nomes ben graciosos, con pedras perfectamente iluminadas para acompañar a historia que che vai narrando a guía: como por exempo as Columnas de Hércules, o Pesebre, o Corredor do Deserto, a torre de Pisa ou a marabillosa gruta Branca de alabastro que te sorprende ao final e que parece un castelo de cristais.

As orixes da cova son de cando esta zona aínda estaba por debaixo do nivel do mar Mediterráneo, polo que se atopan fósiles de moluscos. Co tempo sería a auga da chuvia a que moldearía o interior destas grutas con estalactitas e estalagmitas que mesmo se xuntan en columnas para armar esta edificación subterránea. Ao baile de cores que se atopan, súmanselle novos habitantes, como os morcegos, saltamontes e algún que outro crustáceo.

Iso si, leva zapatos cómodos e que non esvaren coa humidade ou corres o risco de escorregar coma min. Polo demais, a ruta non ten maior dificultade e podes escoller entre facer só a metade do pecorrido, kilómetro e medio, aínda que perderás o segredo do final. Iso sí, esquece levar cámara, non se poden facer fotos (non, sen flash tampouco).

O veredicto despois desta xornada de infarto no que a transportes e camiñatas se refire: pagou a pena.

Rumbo a Polignano a Mare

Nada máis chegar estábanme a agardar cun ricksaw para ir dende a estación de tren ao pequeno hotel familiar que reservara. Xa me ves a min coa maleta a toda velocidade polas rúas de Polignano a mare nesta especie de bicicleta con silla para pasaxeiros, e entrar no seu centro histórico, cruzando o Arco Marchesale, a porta principal que che dá acceso á parte antiga da vila onde só entran peóns e estes peculiares vehículos máis propios de Asia.

O arco de Marchesale era antigamente unha ponte levadiza e aínda conserva un mural da crucifixion do século XVI ao que non se lle coñece o autor. Neste paseo movidiño de 10 minutos en ricksaw deume tempo de botarlle unha primeira ollada ao Pazo do Reloxo, situado nunha das prazas con máis ambiente xuvenil de Polignano.

Para min este é sen dúbida un dos lugares máis fermosos e pintorescos de Italia, e mira que hai ben onde escoller, pero é que Polignano é pura poesía, literalmente, grazas aos textos do artista Guido Lupori. Están escritos en moitas das casas brancas do casco vello deste pobo de pescadores. Polignano a mare é o azul intenso do Adriático e as furnas que deseñou o mar nas rochas sobre as que se erixe a cidade. Azul, branco e marrón son as súas cores, e Doménico Madugno ponlle música a súa vila natal.

Se falamos de gastronomía: é puro sabor e materia prima, unha delicia para todos os sentidos. Dá igual que comas pasta, peixe, foccacia…ou un pouco de todo.

Esta é unha vila moi fotografiable, quizáis unha das vistas máis coñecidas é a da praia de Lama Monachile, que se mete na cidade facendo espazo entre as rochas. É unha praia de pura pedra, pero sempre ata arriba de xente. Tanta que son moitos os que se descolgan polos cantís e os usan de trampolín para gañarlle terreo á praia e chegar ao mar, un mar cálido, nada que ver co xélido Atlántico. Un mar sempre apetecible. Dende a ponte que cruza a praia hai unha das mellores vistas deste recuncho, unha ponte que data da época borbónica da rexión e que ademais aínda conserva na contorna a vía Traxana que unía Brindisi con Roma na época do Imperio Romano.

Polignano está cheo de miradoiros, moitos deles convertidos en terrazas de bares e restaurantes, e a cada cal máis fermoso. Penso que estiven en todos: pola mañá, pola tarde, pola noite. Son únicos.

Outro dos emblemáticos é o miradoiro aos pés da estatua de Domenico Madugno, sempre cheo de xente sacándolle fotos divertidas, mesmo noivos no día da súa voda, e onde sempre soa ao lonxe a súa famosísima Volareee.

Esas escaleiras danche acceso a unha zona de pura rocha, de cantís dende onde moitos se tiran ao mar (a pesares de ter unha altura considerable) e ves á perfección como as casas son unha prolongación das pedras sobre as que están construidas e que sobresaen con bastante altura sobre o nivel do mar.

Cae o sol en Polignano

A caída do sol foi para min un dos momentos máis fermosos. Vaia solpor! Mentres furgóns e coches de alta gama cos cristais tinguidos traían xente con cartos a cear na Grotta Palazzese, un hotel e restaurante de luxo construido na propia rocha con menús que superan os 200 euros, o meu plan perfecto era sentar nalgún dos balcóns e mirar como o sol se afundía nun mar de prata mentres uns cativos tentaban facer voar un globo de lume.

E para ter a experiencia completa só nos falta a perspectiva dende o mar. Hai pequenos tours en barco ou kayak que te introducen nas covas mariñas e che van explicando curiosidades sobre a vila, como se formaron estas cavernas, etc. O que non fixen pero ten que ser unha pasada é bucear na zona. Conta pendente para a seguinte.

Se tes tempo, tes que visitar a Abadía de San Vitto, unha curiosa reitoría con barcas de pescadores ao redor que non podes deixar de fotografar. Está a 4 kilómetros da cidade, pero podes ir nunha especie de motocicletas con espazo para pasaxeiros por 10 euros ida e volta. Lamentablemente, a abadía é propiedade privada e non se pode entrar. O que si podes coñecer é a capela que forma parte do complexo.

Ben, e ata aquí a miña crónica viaxanta de hoxe. Agardo que che gustase este paseo polo sur de Italia. Eu podo dicirche que esta viaxe foi a mellor decisión que puiden tomar neste 2021. A culpable de mil e un sorrisos, algunhas emocións e moitas fotografías.

Ti cal dirías que foi ese lugar especial do 2021 para ti ?

Xa sabes que o podes compartir con nós aquí na web ou nas redes sociais: Estamos en Instagram, no Facebook e agora tamén no Twitter.

Agardo verte por alí.