Tres dedos de escuma na cervexa. En moitos países isto podería ser considerado un sacrilexio, unha barbaridade, unha ultraxe ao consumidor e provocar que un cliente insatisfeito enviase ao camareiro de volta ao punto de saída. O debate en calquera barra española sería case tan enérxico como o que ocorrería ao redor da tortilla de patacas: con ou sen cebola? Pero na República Checa a escuma é parte imprescindible da ecuación nunha xerra de cervexa ben servida. E recalco o de “ben servida”. De feito, en terras de Bohemia, tres dedos é a norma. De aí, a súa presenza pode expandirse ata recibires un vaso case cheo desa masa de burbullas esbrancuxada que termina decorando ata os bigotes máis sofisticados.

– Two beers, please.

A cervexa que che serven por defecto é 40% escuma, 60% líquido.

Achégome a xerra e bebo. Demasiada escuma, penso. É difícil chegar ao líquido, mánchaste antes, así que déixoa repousar.

No bar hai tres formas de pedir ese ouro líquido en función de canta escuma queiras: ‘Hladinka’, a que che serven por defecto (40% de escuma),’šnyt’ (70%) ou ‘mlíko’, pura escuma.

Cada unha cumpre a súa función: apagar a sede, disimular cando non queres seguir o ritmo dos teus colegas de festa ou – a miña favorita – dar tempo a longas conversacións e debates sen levantar sospeitas nin sentir a presión do camareiro que busca liberar unha mesa mentres ese manto burbulleante se funde co líquido amargo. “A escusa perfecta para reunirse durante un bo anaco sen levantar sospeitas en tempos do comunismo”, comentounos unha guía.

En Chequia a cervexa é orgullo nacional e non andan con trapalladas. Algunhas marcas que exportan os seus barrís mesmo esixen aos clientes un “tapster” capacitado – algo así como un taberneiro pro – que saiba tirar ben a cervexa.

Ten bo sabor, un tanto amarga, pero con menos gas. En resumo, baixa ben, tarda en subir e non deixa (tanta) resaca.

E o prezo?

Máis barata que a auga.
Será por iso que os checos sempre lideran a clasificación de consumo de cervexa per cápita do mundo: 181,7 litros (En España quedamos no décimo posto: 86,6).


Descubre máis sobre a República Checa nestes dous episodios de Viaxantas Podcast: