Abrígate ben porque collemos rumbo norte para unhas vacacións de inverno moi especiais. Imos na procura dun dos mellores espectáculos naturais desta estación: as auroras boreais. Benvid@ a Tromsø, a capital do Ártico.

AnchorApple PodcastsBreakerGoogle PodcastsPocketCastsRadio PubliciVooxSpotifyYouTube

Situada entre montañas, fiordos e illas, Tromsø é a principal cidade do norte de Noruega e atópase a só 350 kilómetros do círculo polar Ártico. As súas fermosas paisaxes naturais convírtena nun destino ideal para facer sendeirismo e gozar do sol de medianoite no verán. No inverno, a súa localización convírtea nun punto estratéxico para gozar das auroras boreais.

Neste episodio:

Contarémosche todo o que hai que saber sobre as auroras boreais.
Descubriremos os mellores lugares para ver á dama de verde.
Achegarémonos á cultura Saami.
Falaremos de renos e alces.
Descubriremos se Noruega é un destino caro.
Daremos algúns consellos para cando planifiques a túa viaxe.

Ver bailar á dama de verde – como lle chaman en Tromsø ás auroras polares – era o obxectivo número un desta viaxe. Algo que, como pasa con calquera fenómeno da natureza, depende moito da sorte que teñas ese día. Por iso o da “caza”.

De Bruxelas saímos con moitas ganas, ben amantados e conscientes de que íamos ter que xogar co presuposto. Isto foi en Novembro e o Nadal estaba a tiro de pedra, así que había que metelo na ecuación.

Escala breve en Oslo e sobre as 4 da tarde (xa noite pechada, obviamente) chegamos a destino.

Tromsø é o destino perfecto para gozar das auroras, primeiro pola súa situación xeográfica, e despois porque ten moi boas conexións con Filandia e Suecia, polo que se o tempo non é favorable, podes cruzar ao país veciño e tentar ver este fenómeno dende alí. Raro, pero certo. De feito, para moitas das excursións recoméndanche levar o DNI ou pasaporte, por se cruzan a fronteira.

Cantos días che fan falta para este destino? Nos tiñamos 3 días completos, sen contar o de ida e volta, e podemos dicir que nos quedaron curtos. O lugar ten moito máis que ofrecer que as auroras.

Que máis se pode facer en Tromsø? 

Gozar do sol de medianoite
Avistamento de baleas
Coñecer a cultura Saami
Percorrer os fiordos
Visitar a catedral do Ártico
Ver renos, alces ou huskies
Visitar o museo polar o dos trols
Facer sendeirismo
Facer rutas con raquetas de neve ou motos

Transporte cara o centro da cidade

O aeroporto de Tromsø é moi pequeno, eu diría que menos que o de Santiago de Compostela. E para ir ata o centro da cidade hai 3 opcións: 

  • A cara: taxi. De 100 euros non te libras.
  • A intermedia: O bus do aeroporto, uns 20 euros por persoa e traxecto.
  • A mellor: o bus urbano. Teñen unha APP moi cómoda, TROMS BILLETT , que podes pagar con calquera tarxeta – mesmo Paypal -. O billete custa uns 3 euros (podes conseguilo aínda máis barato se non viaxas nas horas pico) e unha vez adquirido debes activalo. Atopar a parada pode ser un desafío, pero fíate de Google e chegarás. Simplemente terás que cruzar o parking do aeroporto.

Nuns 15 minutos estarás no centro da cidade.

Unha cousa moi curiosa é o entramado de túneles que configuran as estradas por estes lares. Un xeito de protexer o asfalto fronte a condicións climáticas extremas e de facer a conducción máis sinxela. O desafío é orientarse con cruces, rotondas e demais referencias baixo terra. Por iso, en moitos casos empregan cores diferentes nas paredes de formigón, como referencia para os conductores.

Aurora borealis

As auroras fórmanse cando o vento solar pasa arredor da magnetosfera.  A medida que as partículas solares atravesan a atmosfera, sobrequentan os gases, que logo brillan intensamente no ceo nocturno. Vense nos polos porque o campo magnético da terra é máis feble nestas zonas. 

Organiza a túa viaxe con Visit Tromsø

Se es un pouco desastre organizando viaxes, recoméndoche que te achegues a Visit Tromso. É a oficina de turismo da cidade (online e física), pero tamén actúan como unha especie de axencia de viaxes con toda a oferta turística da temporada. Nalgúns casos, con prezos máis ventaxosos que os que podes atopar en Internet.