11 millóns de luces led.
Unha árbore de Nadal de 35 metros e medio.
60.000 de gasto para a cidade.
Ocupación hoteleira ao 100%.
5.3 millóns de visitantes (?)
O Nadal en Vigo.
Esta parece a receita perfecta para un Nadal de éxito, ou iso pensa Abel Caballero, que consegue voltar ao prime time televisivo e facer viral o Nadal de Vigo cada ano a golpe de ‘leds’ e frases para o recordo.
Todo sexa polo retorno, eses 5.3 millóns de visitantes que proclama a alcaldía.
Pero non quero falar dun Nadal que de seguro coñeces ben, e mesmo tes comentado e/ou criticado en máis dunha ocasión, porque o certo é que Caballero non inventou nada novo.
O Nadal é dende hai ben tempo un atractivo turístico para moitas cidades europeas, que se transforman nestas datas. Algunhas xa dende comezos de novembro.
Hoteis e apartamentos turísticos colgan o cartel de completo en vilas como Estrasburgo e Colmar en Francia, Viena en Austria, Colonia ou Aquitania en Alemaña, Maastrich nos Países Baixos, e Bruxas ou Bruxelas en Bélxica. A lista é infinita.
Visitalas calquera fin de semana é sinónimo de grandes ringleiras e aglomeracións, e os españois imos en masa, empurrados -por exemplo- pola ponte de Decembro, a fotoxenia das luces de Nadal e o encanto destas vilas.
Pero que teñen de especial?
Este vai a ser o meu quinto Nadal en Bruxelas e, pandemia mediante, tiven a sorte de visitar uns cantos mercados ou feiras deste tempo: Bruxelas, Bruxas, Amberes, Lovaina, Estrasburgo,…Todo grazas ás numerosas e eficientes conexións ferroviarias que hai na rexión (E a que hai moitas opcións a menos de 2 horas de distancia).
Cada vila ten o seu encanto particular, a súa arquitectura, a súa artesanía e gastronomía propias, pero podemos identificar certos elementos comúns.
Aquí van 5:
Si, estas cidades tamén se engalanan cos máis curiosos traxes led. Verás arcos, agasallos, beléns, anxos e un longo etcétera. Todo o que poidas imaxinar.
A vantaxe aquí é a posta de sol. Comeza a anoitecer sobre as 16:00, polo que tes tempo de sobra de admirar a luminaria, merendar e tomar algo quentiño para combatelo frío e volver para cear na casa antes de quedares conxelado ou conxelada.
Para unha experiencia o máis confortable posible, non escatimes en roupa e calzado de abrigo. Nunca é demasiado, pois pode que te sorprenda unha nevarada.
Efectivamente, o Nadal tamén se goza dende as alturas. O prezo en Bruxelas está nos 10 euros por persoa e dá unhas 3 voltas.
En Helsinki é permanente, custa 14, pero se tes sorte, pode incluir vistas a unha cidade cuberta por un manto branco e un filtro dourado máxico á caída do sol.
Gante será o meu descubrimento deste ano, mais esa contorna “Harry-pottiana” que ten a cidade deixa estampas máxicas.
Anís, canela, froitas, viño e, seguramente, algo de azucre ou mel. Este é parte do cocktail de especias que leva o famoso glühwein ou vin chaud, que non deixa de ser un viño quente que che axuda a correr o frío mentres paseas polo mercado.
Xeralmente, vén acompañado por unha cunha de plástico con algunha referencia á feira local. A miña parte favorita é o modelo de “consigna” que teñen establecido. É dicir, cóbranche 1 euro por ela, pero se a devolves, recuperas os cartos. En moitos destes mercados, mesmo teñen unha especie de punto de reciclaxe “remunerado” para manter o lixo a raia. Como di o dito: “Polo interés se move Andrés”.
Penso que é un modelo de xestión de residuos e educación cidadá moi efectivo. Ves ringleiras de xente agardando para depositar latas e plásticos nestes centros, e mesmo xente agardando a que lle dés ese derradeiro grolo ao vaso para pedirche o embase.
Unha estratexia que tamén teñen implementada nalgúns campos de fútbol belgas, para evitar que a xente deixe todo o lixo tirado. Por iso, ao rematar cada partido, atopas unha morea de xente recollendo botellas para recuperar eses céntimos de euro que che dan por envase.
Para os que prefiren algo sen alcohol, sempre quedará o prezado chocolate quente belga ou unha sopa. Hai opcións para todos os gustos e petos.
Estas pequenas construccións de madeira enmarcan a feira de Nadal. Marcan o camiño a paso lento, para que te entreteñas contemplando todo tipo de artesanías – bolas de Nadal e bisutería están entre as miñas favoritas, pero hai de todo – e propostas gastronómicas.
É moi habitual atoparte con xente comendo a típica salchicha, unha hamburguesa, a famosa raclette, salmón ao espeto ou sopas. Pseudo-tiritar mentes gozas da experiencia é máis habitual do que pensas, dígocho eu!
E que saría dun inverno europeo que se prece sen unha boa pista de patinaxe ateigada de xente que non sabe patinar, de caídas graciosas e de medo ás coitelas sen fío. Pois si, ese é o outro elemento imprescindible do Nadal do norte.
Pero cóntame ti. Cales visitaches? Que foi o que máis che gustou?